Saturday 04 de May de 2024

A Xunta abre de novo este sábado as portas da Fábrica de Tabacos para que os veciños comproben o resultado das obras


O sábado realizaranse visitas guiadas, en horario de mañá e de tarde, por grupos, e con explicacións a cargo de persoal especializado na rehabilitación do edificio

A antiga Real Fábrica de Tabacos da Coruña, xa transformada en sede da Audiencia Provincial e outras dependencias xudiciais, volverá a abrir as súas portas este sábado, dada a expectación que espertou a súa inauguración o pasado 31 de marzo. Durante a pasada fin de semana, preto de dúas mil persoas tiveron a oportunidade de comprobar de primeira man o resultado da inversión de máis de 16 millóns de euros na recuperación do emblemático edificio.

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza adoptou esta decisión logo da excelente acollida por parte dos coruñeses, e dando así resposta á avalancha de peticións tanto de particulares como de asociacións e grupos organizados. O Goberno galego lembra que esta será a última oportunidade de visitar libremente as dependencias, xa que o proceso de traslado dos diferentes departamentos ás novas instalacións comezou onte, tal e como estaba previsto.

Nestas primeiras horas como sede xudicial aproveitouse para amosar as novas dependencias a xuíces, fiscais e funcionarios, así como a representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, membros da Delegación do Goberno e outras autoridades estreitamente relacionadas coas funcións que a partir de agora acollerá o inmoble. A planificación do traslado das dependencias foi axustada para posibilitar esta nova quenda de visitas guiadas.

As visitas faranse o sábado 8 en grupos de 50 persoas, que accederán ao edificio cada quince minutos, a partires das 11.30 horas pola mañá e das 17.30 horas pola tarde, por estrito orde de chegada e sen necesidade de facer ningún trámite previo de inscrición. O desexo da Xunta é que ninguén que o desexe quede sen comprobar o resultado final da rehabilitación da Fábrica de Tabacos, posta de novo ao servizo da cidade.